Visita á UDIAF de Carballo no Día da Atención Temperá.

Por ppcarballo

No Día da Atención Temperá , o noso Portavoz e deputado autonómico Rubén Lorenzo e a deputada Carmen Pomar, como presidenta da Comisión Parlamentaria Especial de Políticas Relativas á Discapacidade, visitaron a UDIAF de Bergantiños sita en Carballo para interesarse pola situación actual da Unidade de Desenvolvemento Infantil en Apoio Familiar (UDIAF).

Na visita foron recibidos pola Coordinadora da Unidade, Yaiza Antelo, e polo Presidente da AGAT, Jaime Ponte, que lles ofreceron as memorias de actividades da Unidade dende a sua creación en 2014, e informaron da situación do servizo. Estas memorias reflexan o traballo que dita asociación desenvolve nas Comarcas de Bergantiños, Deza e Salnés dende o ano 2009.

No caso da UDIAF de Bergantiños, operativa dende o ano 2014, que presta servizo a seis dos 7 concellos da nosa Comarca (excepto A Laracha dende o 2021), o 67% dos usuarios son do Concello de Carballo. Na unidade de Carballo, que conta con 3 profesionais, atenderon no 2021 un total de 113 nenas e nenos de cero a seis anos e as súas familias pois tamén fan unha importante labor de asesoramento ó entorno dos pequenos.

Sen dúbida a pandemia afectou, como a todos os ámbitos, ó servizo que prestan na UDIAF de Bergantiños, pero os deputados comprobaron que xa se está a traballar con total normalidade ao recuperar a periodicidade das sesións que se vira modificada pola situación sanitaria adversa nos anos 2020 e 2021.

Unha das consecuencias da Pandemia tamén foi o aumento das necesidades das familias con pequenos que precisan deste servizo, polo que nos trasladan dende a AGAT que precisarían incorporar máis profesionais, para poder atender a demanda crecente que levou a que na UDIAF de Bergantiños exista unha lista de espera de máis de 250 días para que as familias sexan atendidas.

Neste senso existe un compromiso da Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Discapacidade, de revisión do convenio que a AGAT mantén coa Xunta de Galicia para poder asumir a crecente demanda e mellorar o servizo.

Unha vez escoitadas as demandas e coñecida a situación da UDIAF sita en Carballo, os dous deputados, Rubén Lorenzo e Carmen Pomar, puxeron en valor o traballo realizado na comarca de Bergantiños e  amosaron a súa disposición a seguir mantendo o diálogo constante coa AGAT.

Pomar e Lorenzo, tamén se comprometeron a levar as súas demandas ao foro parlamentario para que o servizo de Bergantiños e os das demáis comarcas se preste coa mellor calidade e condicións posibles para as nenas e nenos e tamén para as familias que precisen desta especial atención.