Rubén Lorenzo será o candidato do Partido Popular á alcaldía de Carballo nas municipais de maio
Rubén Lorenzo será o candidato á alcaldía de Carballo do Partido Popular o vindeiro mes de maio. O pasado,xoves día 10 presentou oficialmente a súa candidatura no auditorio do Pazo da Cultura a rebosar de simpatizantes do partido, alcaldes, concelleiros e altos cargos da Xunta de Galicia, que arrouparon a Lorenzo na tarde na que dou “un dos pasos máis importantes” da súa carreira política.
“QUERO SER ALCALDE DE CARBALLO” “Dou este paso porque quero ser alcalde de Carballo e rematar co sectarismo. Quero ser o alcalde de tódolos carballeses e desbotar eses carnés de veciños de primeira ou de segunda”, así comezou abrindo o acto con toda unha declaración de intencións. Asegurou Lorenzo que non camiñará polo camiño do insulto ou o descrédito “Non quero pagar coa mesma moeda aos que o fan contra min. Non podo investir o meu tempo niso”, tamén se referiu a un goberno do BNG que logo de 20 anos na alcaldía “está caduco e esgotado. Comprendo que comecen a ter medo, que estean inquedos”
Continuou o Deputado e Portavoz municipal apelando á unidade do concello, á súa singularidade, á importancia do rural e á necesidade de voltar a situalo “na cabeceira da comarca, no nexo de unión entre a área metropolitana da Coruña e o resto da Costa da Morte”. Tamén propón “recuperar o Carballo que nunca debeu daixar de estar e o Carballo que nunca debeu deixar de ser”. Falou de emprendemento, de defensa dos intereses do municipio “ante Administracións de calquera cor política” e de decisións que “afogan á vila apelando á mobilidade sostible ou ao ecoloxismo mal entendido”. Apuntou tamén Lorenzo que “A veciñanza quéixase, a miúdo, de que Carballo vive na penumbra, que nas súas rúas e corredoiras falta luz” “Queremos un Carballo que brile e non esmorezca, un Carballo que frente ás sombras e a escuridade, desprenda claridade e luz”.
Lorenzo apelou aos carballeses a replicar o apoio maioritario que a cidadanía da nosa vila dou ao Partido Popular nas últimas eleccións autonómicas nas que os populares acadaron un 49,8% dos votos na cita electoral do 2020. Diego Calvo tamén apelou a ese apoio, ademáis de repasar as inversións que a Xunta prevé para a capital de Bergantiños nos orzamentos do 2023 e animou a Lorenzo a formar un equipo “no que todos remen na mesma dirección”. Paula Prado, pola súa parte, amosouse moi crítica cos case vinte anos de goberno nacionalista en Carballo “Son o mellor exemplo do ‘non’ sistemático a todo e da contradición constante”, dixo a Secretaria Xeral do PP de Galicia.
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, tamén quixo apoiar ao noso candidato. A través dun vídeo proxectado no auditorio, Rueda aludiu a que “Rubén está preparado para ofrecer o cambio que precisa [o concello]. É un carballés inconformista que quere transformar a súa vila e sabe como facelo: escoita, traballa e logo propón. De ser elixido, o Parlamento perdería un deputado, pero Carballo gañaría un gran alcalde” dixo o presidente.
Ao acto acudiron, ademáis de alcaldes, portavoces e concelleiros de Bergantiños e arredores; as conselleiras do Mar e Emprego, Rosa Quintana e María Jesús Lorenzana; o secretario xeral do PP provincial, Evaristo Ben; e o presidende de Novas Xeracións, Adrián Pardo, ademáis do delegado territorial, Gonzalo Trenor.
Imaxes: La Voz de Galicia.