Pleno abril do Concello de Carballo: Plan Especial A Lagoa, Contrato “Ómnibus” Servizos Enerxéticos, Moción BNG AG-55 e V Plan de Igualdade.

Por ppcarballo

O pleno municipal celebrado onte en Carballo estivo marcado pola elevada asistencia de veciños afectados polo proceso de expropiación vinculado ao Plan Especial da Lagoa. A súa presenza puxo de manifesto a preocupación existente arredor dun procedemento no que, segundo trasladaron, non contaron coa información nin cos espazos de diálogo que esperaban ao tratarse dunha actuación de impacto directo sobre as súas propiedades. A tramitación cumpre os requisitos legais, pero o debate evidenciou que non se garantiu unha comunicación suficiente nin unha participación real ao longo do proceso.

O expediente está asociado á futura Cidade Deportiva, aínda que a documentación oficial non recolle un proxecto definido nin establece fases, financiamento ou prazos concretos. As actuacións inmediatas previstas limítanse á execución dun vial e dunha zona de aparcamento. O goberno do BNG quere facer ver que dende o PP estamos en contra da Cidade Deportiva, nada máis lonxe da realidade, o PP de Carballo leva esa cidade deportiva no seu programa electoral. O que rexeitamos e o xeito de tramitar esta expropiación por parte do Goberno Local. Este contraste entre o anuncio público e o estado real da planificación foi un dos elementos centrais do debate, e explica en boa medida a desconfianza expresada por parte da veciñanza afectada.

Outro dos asuntos destacados foi o contrato mixto de servizos enerxéticos e iluminación pública. O noso voceiro Rubén Lorenzo denominouno “Contrato Ómnibus”. O Goberno municipal puxo o foco na renovación tecnolóxica prevista e na instalación de iluminación LED, presentando o contrato como un avance relevante en materia de eficiencia enerxética. Pola súa parte, o Grupo Municipal do Partido Popular subliñou a dimensión económica e temporal da proposta —18,5 millóns de euros e 15 anos de duración— e a ausencia de xustificacións sólidas sobre a súa estrutura, a falta de auditorías independentes e a non división en lotes, malia tratarse dun contrato que abrangue ámbitos moi diversos como son (A iluminación dos murais urbanos, o mantemento da rede semafórica, os pasos de peóns intelixentes, a iluminación das festas, iluminiación de prazas, rúas e parroquias sempre primando o aforro, etc…). Tamén se puxo de manifesto que o documento non garante solucións inmediatas aos problemas de iluminación e mobilidade que a veciñanza leva tempo sinalando.

Tamén se abordou unha moción relacionada coa AG‑55. A nosa proposta de enmenda recuperaba acordos adoptados en 2024, o que deu lugar a un debate sobre a coherencia das posicións mantidas polos distintos grupos municipais e sobre o alcance das reivindicacións que deben trasladarse ás administracións competentes. O Partido Popular mantivo a mesma postura expresad no debate do ano 2024: apoio ás demandas que afectan directamente á comarca e defensa dunha visión máis ampla que inclúa tamén outras infraestruturas utilizadas pola veciñanza, como a AP‑9 e a AP‑53. O BNG non aceptou a nosa enmenda, priorizando usar a Corporación de Carballo para dar publicidade ás súas campañas políticas. Finalmente a proposta do BNG aprobouse por unanimidade dos 3 grupos municipais.

Ademais, o pleno aprobou o V Plan de Igualdade do Concello de Carballo. O noso grupo votou a favor deste documento ao considerar que se trata dunha ferramenta seria e ben estruturada, que incorpora unha folla de ruta clara con accións medibles e liñas estratéxicas orientadas á transversalidade, á prevención da violencia de xénero, á conciliación e á coeducación. O apoio expresado polo Partido Popular responde á vontade de contribuír a políticas municipais que melloren a igualdade real e efectiva, así como ao compromiso de facer seguimento da súa execución e avaliación.

En conxunto, o pleno deixou varios asuntos de relevancia que continuarán xerando debate nos próximos meses. O Grupo Municipal do Partido Popular reafirma o seu compromiso coa defensa dos intereses de Carballo, coa esixencia de transparencia nos procesos que afectan á cidadanía e coa necesidade de planificación rigorosa en proxectos de impacto a longo prazo. Fronte a un goberno que está máis centrado en facer que fai, e na propaganda que en solucionar os problemas reais da nosa Vila.

#PartidoPopularCarballo.

Imaxes: Diario de Bergantiños.

Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.