O PP de Carballo reclama un Plan Municipal de Benestar Animal e unha revisión do modelo de atención dos animais abandonados.
O Grupo Municipal do Partido Popular de Carballo presentou unha moción para impulsar un Plan Municipal de Benestar Animal e realizar un estudo rigoroso sobre a creación dunha canceira municipal, así como abordar outras alternativas que permitan mellorar o servizo e reducir o custo que actualmente soporta o Concello.
Un modelo superado e sen planificación
Na actualidade, a recollida e atención dos animais abandonados está incluída no contrato da recollida do lixo, un sistema que o PP considera “obsoleto e impropio dun concello como Carballo”. Trátase dun contrato con máis de 13 anos de antigüidade e sen revisión algunha no relativo aos animais.
Durante unha visita ás instalacións municipais, os concelleiros populares comprobaron que a canceira situada no punto limpo “só conta con 9 espazos moi reducidos e en condicións claramente mellorables”.
Un custo elevado e sen avaliación pública
A maior parte dos animais recollidos están sendo derivados a instalacións privadas ou hoteis caninos, o que supón un gasto crecente para o Concello. O PP denuncia que non existe ningún estudo público que avalíe a eficiencia do modelo actual e reclama un informe técnico que detalle custos, número de animais, tempo de estancia e cumprimento da normativa.
“Non pedimos gastar máis, pedimos gastar mellor”, afirma o voceiro popular, Rubén Lorenzo.
Alternativas modernas e máis eficientes
A moción propón analizar distintas opcións de futuro:
-
creación dunha canceira municipal,
-
xestión directa do servizo,
-
prestación mancomunada con concellos da comarca,
-
convenios con entidades protectoras.
Segundo o PP, estas alternativas permitirían mellorar o benestar animal, aumentar a transparencia e optimizar os recursos públicos.
Cara a unha política seria de benestar animal
O PP solicita que, tras o estudo, o Concello elabore un Plan Municipal de Benestar Animal con medidas de control poboacional, protocolos de adopción, campañas de sensibilización e publicación anual de datos.
“Carballo necesita unha política seria, moderna e responsable en materia de benestar animal. A nosa proposta é construtiva e busca poñer Carballo á altura do que a súa cidadanía demanda”, conclúe Lorenzo.
GRUPO MUNICIPAL DO PARTIDO POPULAR DE CARBALLO.