O PP de Carballo esixe ao Goberno Central unha atención digna da Seguridade Social para Carballo, Bergantiños e a Costa da Morte.

Por ppcarballo

O PP de Carballo denuncia o colapso da oficina da Seguridade Social, que funciona cun 42 % de persoal e sen citas durante semanas, obrigando a veciños de Carballo, Bergantiños e a Costa da Morte a desprazarse decenas de quilómetros para trámites básicos. Os populares reclaman ao Goberno Central unha actuación inmediata para garantir unha atención digna e igualitaria.

O Grupo Municipal do Partido Popular presentou para o seu debate no Pleno deste mes de maio, unha moción para reclamar solucións urxentes ante a situación “insostible” da oficina do INSS en Carballo, que presta servizo en condicións de precariedade e cun sistema de cita previa “colapsado de maneira recorrente”.

Segundo datos recentes, máis de 480.000 galegos teñen dificultades para acceder á atención presencial, e a oficina de Carballo —que atende a unha poboación de máis de 120.000 persoas de Bergantiños e da Costa da Morte— carece dos medios necesarios para garantir un servizo adecuado.

O voceiro popular, Rubén Lorenzo, alerta de que moitas persoas maiores e dependentes están a verse obrigadas a percorrer ata 130 km.

quilómetros para realizar trámites básicos. “A atención presencial non é un luxo: é un dereito que o Goberno Central non está garantindo”, afirma.

O PP lembra que o Tribunal de Contas e o Defensor do Pobo xa advertiron dunha “deficiencia estrutural” na atención da Seguridade Social en Galicia, especialmente na provincia da Coruña.

As principais demandas do PP de Carballo

    • Reforzo urxente do persoal da oficina do INSS.
    • Citas presenciais continuadas, sen derivacións a outras localidades.
    • Revisión do sistema de cita previa, adaptado ás persoas maiores.
    • Máis medios ante novas prestacións ou cargas administrativas.

O que pedimos é o mínimo: que Carballo e a súa comarca teñan o mesmo acceso á Seguridade Social que calquera outra zona. Non pedimos privilexios, pedimos igualdade”, conclúe Lorenzo.

GRUPO MUNICIPAL PARTIDO POPULAR DE CARBALLO

Imaxe: Diario de Bergantiños.