O PP de Carballo levará ao Pleno a petición de impulsar a mellora da estrada da Pedra do Sal.
Os populares pedirán ao Concello que inste á Deputación a axilizar a tramitación dunha actuación anunciada en febreiro cun investimento próximo aos 1,3 millóns de euros
O Grupo Municipal do Partido Popular de Carballo presentará no próximo Pleno municipal, que se celebrará o 28 de setembro, unha moción para solicitar ao Concello que inste á Deputación da Coruña a impulsar e axilizar os trámites necesarios para facer efectiva a mellora integral da estrada da Pedra do Sal, a DP-1916.
Trátase dunha actuación que responde a unha demanda histórica e reiterada da veciñanza das parroquias de Lema, Noicela e Rebordelos, trasladada durante anos tamén a través dos Consellos Parroquiais. A mellora e ampliación desta vía provincial figura desde hai tempo entre as principais necesidades expostas polos veciños.
A reivindicación conta, ademais, con un claro recorrido. Xa en novembro de 2018, o Consello Parroquial de Noicela-Rebordelos identificaba a estrada de acceso á praia como unha das prioridades da parroquia.
Posteriormente, en outubro de 2021, o Partido Popular de Carballo levou esta demanda ao Pleno da Deputación da Coruña, reclamando á institución provincial que redactase “coa máxima urxencia posible” o proxecto de ampliación da DP-1916 no tramo cara á Pedra do Sal e Baldaio. Naquel momento, os populares advertían das condicións da vía e da necesidade de actuar para mellorar a seguridade viaria.
A petición veciñal volveu quedar patente en maio de 2022, cando o Consello Parroquial de Noicela-Rebordelos sinalou novamente como prioridade a mellora e ampliación da estrada provincial de acceso á Pedra do Sal.
E, finalmente, en febreiro de 2026, a Deputación anunciou un investimento próximo aos 1,3 millóns de euros para acometer unha actuación integral na DP-1916, que contempla a mellora do firme, o ensanchamento da calzada e a execución dunha senda peonil. Segundo o anunciado, a institución provincial asumiría tamén a redacción do proxecto e a obtención dos terreos necesarios.
“Estamos ante unha demanda que leva anos sobre a mesa e ante un investimento que xa foi anunciado. O que queremos é que ese compromiso avance e se traduza canto antes nun proxecto licitado e nunhas obras executadas”, sinala o portavoz municipal do PP, Rubén Lorenzo.
Por este motivo, a moción que os populares levarán ao Pleno do día 28 solicitará ao Concello que inste á Deputación a axilizar a tramitación da actuación, así como a informar sobre o estado actual da redacción do proxecto, a situación dos terreos necesarios e os trámites que aínda estean pendentes para poder proceder á licitación das obras.
O PP tamén pedirá que se traslade ao Concello unha previsión temporal para a licitación e o inicio das obras, co obxectivo de que a veciñanza poida coñecer os prazos previstos para unha actuación longamente demandada.
“A veciñanza leva anos pedindo esta mellora e a Deputación xa anunciou os fondos necesarios para facela realidade. Agora é o momento de dar pasos adiante, coñecer en que punto está a tramitación e axilizar todo o que sexa necesario para que as obras poidan comezar canto antes”, engade Lorenzo.
Desde o Grupo Municipal Popular consideran que a mellora da DP-1916 debe continuar avanzando ata converterse nunha realidade, dando resposta a unha reivindicación mantida durante anos polas parroquias de Lema, Noicela e Rebordelos.
GRUPO MUNICIPAL DO PARTIDO POPULAR DE CARBALLO.