Aprobada por unanimidade a moción do PP de Carballo para impulsar a mellora da estrada da Pedra do Sal (CP-1916)
O Pleno municipal aprobou por unanimidade a moción presentada polo Partido Popular de Carballo, a través do noso voceiro Lorenzo, para instar á Deputación a axilizar a reforma integral da CP-1916. Trátase dunha reclamación histórica que afecta a un tramo clave de 1,9 quilómetros que conecta as parroquias de Noicela, Rebordelos e Lema.
Grazas á iniciativa do PP e ao respaldo unánime de toda a corporación, logrouse arrincar o compromiso político de que as obras chegarán antes dos prazos previstos (inicialmente programados para 2027-2028), grazas a unha próxima modificación de crédito.
Unha demanda histórica que encara a súa recta final baixo o impulso do PP
Durante a defensa da moción, Lorenzo lembrou o longo camiño e o intenso traballo de seguimento realizado polo Partido Popular desde que en 2018 se reactivase esta demanda nos sucesivos consellos parroquiais. O proxecto actual conta cun orzamento estimado de 1,3 millóns de euros e a súa redacción —asumida polo Concello— atópase xa practicamente lista.
A pesar das complexidades técnicas e administrativas habituais neste tipo de infraestruturas, la iniciativa popular serviu para aclarar no Pleno os pasos necesarios que quedan por diante:
-
- Expropiacións en marcha: Ao non ser posible un acordo de cesión mutua con todos os propietarios, procederase á expropiación dos terreos para garantir o avance seguro da vía.
- Calendario acelerado: A Deputación confirmou que a obra é prioritaria e se executará xusto despois da senda de Oza, adiantándose de forma notable á planificación plurianual inicial.
Liderado popular e consenso polo ben de Carballo
Desde o PP de Carballo celebramos que unha infraestrutura tan necesaria para a seguridade viaria e a conectividade de Noicela, Rebordelos e Lema saíse adiante sen un só voto en contra.
O resultado deste Pleno demostra o valor da nosa oposición construtiva: cando o Partido Popular presenta propostas rigorosas, traballadas e firmes, conséguese desbloquear proxectos vitais para o beneficio de todos os nosos veciños e veciñas.
Imaxe: La Voz de Galicia.