O Pleno de Carballo aproba por unanimidade a moción do PP para garantir unha atención digna da Seguridade Social
O Partido Popular de Carballo logrou no pleno municipal do mes de maio, celebrado o pasado luns 25, o apoio unánime da corporación municipal á moción presentada para esixir ao Goberno central unha mellora inmediata na atención que presta a oficina do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) na Praza da Cruz Vermella, un servizo esencial que leva anos funcionando con persoal insuficiente, citas imposibles de conseguir e enormes dificultades para realizar trámites básicos.
A iniciativa, que o PP anunciara días atrás na súa web —O PP de Carballo esixe ao Goberno central unha atención digna da Seguridade Social—, foi aprobada no pleno do luns coa suma dos votos do BNG e do PSOE.
Un paso adiante para defender os dereitos dos veciños
O voceiro popular, Rubén Lorenzo, celebrou que a corporación asumise a gravidade dunha situación “insostible” que afecta a miles de veciños de Carballo, Bergantiños e a Costa da Morte:
“A atención presencial non pode ser un luxo. É un dereito. E hoxe Carballo deu un paso adiante para defendelo.”
Lorenzo lembrou que a oficina do INSS funciona cun cadro de persoal moi reducido, con semanas de espera para obter cita e con usuarios —moitos deles persoas maiores ou dependentes— obrigados a desprazarse decenas de quilómetros para trámites que deberían poder facer no seu concello.
Unha moción clara, centrada no problema real
O PP defendeu unha moción centrada exclusivamente na mellora da atención da Seguridade Social, sen mesturar outros asuntos alleos ao servizo, e lamentou que o BNG tratase de introducir enmiendas que desviaban o foco cara a competencias da Xunta. A pesar do debate político, a corporación acabou coincidindo na necesidade de reclamar ao Goberno central unha resposta inmediata.
O PSOE recoñece un problema estrutural
O grupo socialista apoiou a moción e recoñeceu que o deterioro da atención cidadá non é novo, senón un problema que se arrastra desde hai anos e que afecta tamén a áreas como dependencia ou discapacidade.
Compromiso do PP: defender Carballo por riba das siglas
Rubén Lorenzo subliñou que o PP seguirá traballando para que Carballo teña os mesmos dereitos e servizos que calquera outra comarca, e que esta moción é un exemplo de que “cando se fala claro e se defenden causas xustas, é posible sumar vontades”.
#CarballoEnPositivo #TraballandoPorCarballo