O Partido Popular acada o apoio do Pleno do Concello de Carballo á Lei de Ordenación do Litoral de Galicia.
O Grupo Municipal do Partido Popular de Carballo acadou o apoio maioritario dos grupos municipais da corporación, coa abstención do Partido Socialista, no pleno do mes de febreiro celebrado este luns 27, para apoiar a futura lei de ordenación do litoral de Galicia, que tamén afectará á franxa costeira do noso municipio.
O portavoz popular, Rubén Lorenzo na súa intervención pediu o apoio unánime dos grupos da corporación municipal para recoñecer as lexítimas competencias de Galicia en materia de ordenación do litoral atribuídas no seu Estatuto de Autonomía, Reclamar o traspaso de medios persoais e materiais necesarios para poder exercer ditas competencias e velar pola protección do dominio público marítimo terrestre sen prescindir das súas funcións sociais como lugar estratéxico para o desenvolvemento de determinadas actividades económicas e sociais que se desenvolven na nosa costa.
Desde o grupo popular considérase imprescindible que Galicia regule a súa costa para protexela máis e tamén para que se poña freo aos ataques impulsados nos últimos anos polo Goberno central que teñen como obxectivo eliminar calquera vestixio de presenza humana do litoral sen avaliar as súas consecuencias.
Tralo debate, os grupos acadaron un acordo acollendo o punto 2 proposto polo grupo do BNG na súa enmenda queapelaba a “respectar a capacidade lexislativa de Galicia para ordenar e planificar o litoral terrestre”.
Por outra banda, os populares non aceptaron o outro punto proposto na enmenda presentada polo grupo de goberno no que instaba á Xunta de Galicia a abrir un proceso de participación social e institucional sobre o anteproxecto da lei, pois, segúndo apuntou Lorenzo xa se procedeu a dito proceso de participación citando o voceiro popular varios exemplos de reunións mantidas por parte da administración autonómica con distintos sectores como son o sector mar industria, os concellos afectados, así como a colaboración coas tres universidades galegas que contribuíron coas súas achegas a enriquecer o contido do anteproxecto de lei que nas vindeiras semanas comezará a súa tramitación parlamentaria no Parlamento de Galicia.
Partido Popular de Carballo.
Foto: La Voz de Galicia