Rubén Lorenzo mantén novos contactos para avanzar na recuperación da lagoa de Baldaio
O portavoz do Partido Popular de Carballo e deputado no Parlamento de Galicia, Rubén Lorenzo, continúa coa rolda de contactos iniciada nas últimas semanas co obxectivo de impulsar unha solución definitiva á problemática que afecta á lagoa de Baldaio.

Tras a reunión mantida coa directora xeral de Patrimonio Natural, Lorenzo mantivo, nos últimos días, novos contactos coa Consellería do Mar para trasladar a preocupación existente pola situación da lagoa e do banco marisqueiro, así como para avanzar na procura dunha resposta coordinada entre todas as administracións implicadas.
O portavoz popular insistiu en que, mentres se traballa nunha solución estrutural que permita evitar que esta situación se repita no futuro, resulta imprescindible actuar de maneira inmediata coa apertura da canle de comunicación co mar.
“É imprescindible recuperar canto antes a renovación da auga e o intercambio mareal. Cada día que pasa co canal pechado agrávase a situación ambiental da lagoa e aumenta o risco para o banco marisqueiro, polo que resulta necesario actuar con urxencia”, afirmou Lorenzo.
Rubén Lorenzo explicou que nas diferentes reunións mantidas trasladou a necesidade de que todas as administracións con competencias neste espazo natural traballen de maneira coordinada, compartindo información técnica e avanzando nunha folla de ruta común que permita afrontar tanto as actuacións urxentes como unha solución estable e definitiva para Baldaio.
Neste sentido, insistiu na necesidade de establecer un mecanismo estable de coordinación entre as distintas administracións implicadas que facilite a toma de decisións, evite duplicidades e permita actuar con maior axilidade ante unha problemática que require dunha resposta conxunta.
“Seguirei mantendo todos os contactos que sexan necesarios e colaborando con cantas administracións teñan competencias neste ámbito para contribuír a que Baldaio recupere o seu equilibrio natural. O obxectivo é claro: actuar con urxencia para restablecer o intercambio mareal e seguir avanzando cara a unha solución definitiva que garanta a conservación deste espazo natural e a protección do banco marisqueiro”, concluíu Lorenzo.
Imagen: La Voz de Galicia / Mas Mar
PARTIDO POPULAR DE CARBALLO.