Moción para esixir a modificación do proxecto carril bici de Carballo

Por ppcarballo

O grupo do Partido Popular no Concello de Carballo anunciou hoxe a través do seu portavoz, Rubén Lorenzo, que presentará no próximo pleno unha moción na que esixirá ao executivo local que modifique parte do proxecto deseñado para o carril bici que percorre varias rúas céntricas do municipio.

Os populares apuntan que co avance das obras do carril-bici do Proxecto Ciclando no Concello de Carballo foi aumentando o malestar da veciñanza e visitantes da da vila debido a eliminación de decenas de prazas de aparcamento público e a supresión do carril de entrada ao centro ao seu paso pola rúa Vázquez de Parga.

“A nova infraestrutura está provocando grandes retencións en sentido de entrada á vila nas horas punta e, tamén, está impedindo que os vehículos de emerxencias teñan puntos de parada seguros no caso de que teñan que intervir nalgunha das rúas afectadas”, explicou Lorenzo.

Neste sentido, dende o PP creen que a actuación xerou un punto perigoso no entronque da rúa Vázquez de Parga coa rúa Emilia Pardo Bazán polo excesivo estreitamento da vía nese punto e a forma en que os vehículos que queren continuar a marcha pola Vázquez de Parga teñen que maniobrar.

Dase o feito, di Lorenzo, de que unha vez rematadas as obras, debido á instalación dos bordos para céspede, varios edificios do núcleo urbano (con e sen vao) quedaron sen entrada habilitada.

“Se ten deixado tamén unha mesma entrada para varios garaxes o que supón unha gran incomodidade para os usuarios dos mesmos e un problema de seguridade para os peóns e os escasos ciclistas que usan o carril de nova creación”, denunciou o popular, quen incidiu en os vehículos vense na obriga de invadir o espazo destinado para as bicicletas
e tamén para os peóns.

Por todo isto, os populares reclaman que se replanteen as entradas aos portais dos garaxes, modificando os bordos de céspede que impiden ou dificultan que os vehículos accedan aos mesmos dun xeito adecuado para
os usuarios e seguro para peóns e ciclistas.

Ademais, na moción o PP pide que se modifique a actuación do proxecto ciclando no punto de entronque das rúas Vázquez de Parga e Emilia Pardo Bazán para garantir a seguridade dos vehículos, peóns e ciclistas. “É necesario que se devolvan, na medida do posible, o número máximo de prazas de aparcamento público eliminadas nas rúas de Carballo
afectadas por este proxecto”, indicou Lorenzo quen concluíu demandando que se habiliten zonas seguras de parada para vehículos de emerxencia en distintos puntos das rúas Poñente, Fábrica, Vázquez de Parga e Avda de Razo.

Fonte: ppcoruña.es