Carballo está en pausa: Os orzamentos para o 2026 confirman a falta de proxecto e a distancia entre o que o goberno do BNG predica e o que fai.
Os Orzamentos 2026 quedaron aprobados este luns, e tan só contaron cos votos favorables do Goberno Local que fixo valer a súa maioría absoluta e pasou o rodillo sen contar para nada coa oposición. Estes orzamentos volven deixar algo moi claro: Carballo está en pausa. Non hai proxecto, non hai rumbo e non hai unha visión que responda aos retos reais do concello. O goberno local, que se presenta como progresista, leva anos instalando Carballo nunha xestión inercial que xa non dá máis de si. E estes orzamentos non só non corrixen esa deriva: confírmano con total claridade.
A primeira evidencia é a falta de prioridades sociais. Mentres o goberno presume de políticas para as persoas, o orzamento di outra cousa: servizos sociais e emprego suman 4,8 millóns de euros, mentres que cultura e deporte superan os 7 millóns. Non se trata de cuestionar o que se invirte en cultura ou deporte —son áreas fundamentais—, pero si de dicir a verdade: as políticas para quen máis o necesita non están no centro da acción municipal. E iso, nun goberno que se reivindica de esquerdas, é unha contradición demasiado evidente.
A segunda evidencia é o modelo de xestión: Carballo está cada vez máis externalizado. O ciclo da auga, a recollida de lixo, a limpeza viaria, o alumeado… máis de 6 millóns de euros anuais en contratos que absorben unha parte enorme do orzamento. A veciñanza paga taxas elevadas, pero non ve melloras proporcionais. E o goberno, lonxe de revisar este modelo, dálle continuidade sen avaliar alternativas nin reforzar a capacidade pública. É difícil falar de servizos públicos fortes cando cada vez máis funcións esenciais están en mans de concesionarias.
A terceira evidencia é a falta de execución real. En 2024 só se executou o 43% das inversións previstas. Máis da metade do anunciado quedou sen facer. E, malia iso, o orzamento de 2026 volve inflar partidas de investimento como se nada pasase. Non hai planificación, non hai proxecto tractor, non hai folla de ruta. Só unha suma de partidas dispersas que non transforman nada.
E mentres todo isto ocorre, Carballo conta cunha das débedas máis baixas da contorna e cunha capacidade de investimento enorme (ata 24 millóns de €, segundo os informes de intervención). Poderiamos estar impulsando políticas de vivenda, mobilidade real (non urbanismo táctico e carriles bici sin sentido), modernización de servizos, apoio ao tecido económico e o a xeración de emprego, a conciliación, o mantemento dos espazos públicos ou revitalización do rural. Pero o goberno prefire seguir centrado en manter á xente entretida, en lugar de reforzar os servizos que realmente melloran a vida da veciñanza.
Por iso dicimos con claridade: Carballo non pode seguir en pausa. Non pode seguir cun goberno que fala de progreso pero practica a inercia; que fala de políticas sociais pero prioriza outras áreas; que fala de servizos públicos pero externaliza cada vez máis; que fala de futuro pero presenta orzamentos de trámite.
Carballo merece un proxecto serio, ambicioso e centrado nas persoas. E nós imos seguir traballando para que ese proxecto chegue canto antes.
#CarballoTenAlternativa
#CarballoMereceMáis
Partido Popular de Carballo.
Imaxe: Mar Casal (Diario de Bergantiños)